
(Firma: Xan Fernández Carrera | Lugar: muxía)
O pasado domingo 13 de maio, a Costa da Morte perdía un dos seus persoeiros de maior relevancia e singularidade, Ramón Caamaño Bentín, un anténtico muxián, pero de espíritu universal. A súa figura e obra sobrepasaban os límites da súa Muxía natal e da propia comarca.
Resulta difícil valorar cal das dúas facetas: personalidade e obra, é máis importante. Quen coñecese a Caamaño decatarase do gran personaxe que había tras daquel ollar atento e observador. Gran conversador, co que se pasaban as horas sen decatarse, e sempre disposto a amosar a súa obra ou contar as súas lembranzas.
Foi o mellor embaixador que tivo Muxía e a Costa da Morte. Gustáballe recibir e falar cos visitantes que se achegaban á punta da Barca, explicarlles a lenda das pedras e da Virxe, informarlles de todo o que podían ver no seu percorrido por esta terra, e para que marchasen máis ledos do lugar, abalar a Pedra.
Remataba sempre facendo amizade coas persoas que conversaba e carteábase con elas. Así escribiu e recibiu infinidade de cartas, das que levaba relación diaria. Por iso tiña amigos en múltiples lugares e a diario recibía visitas na súa casa.
Tiña moito que contar, engaiolaba a quen se lle achegase. A súa memoria era un libro con miles de páxinas nas que se recollían as aventuras da súa infancia, os inicios coa fotografía, as andainas polos pobos proxectando películas, os anos que pasou na fronte de Teruel, a súa vida profesional e outros.
Unha gran afección
Para este fotógrafo muxián, a fotografía sempre foi unha gran afección, que ademais durante algúns anos, tamén se converteu en profesión que lle axudou a sacar adiante a familia. Foi un adiantado do seu tempo porque tivo a intuición de que fotografar escenas da vida rutinaria dos mariñeiros ou da xente do campo, significaba deixar documentos históricos dun notable valor.
Ningún historiador podería plasmar a historia da Costa da Morte sen consultar o arquivo fotográfico de Caamaño. Quen mellor que as súas fotografías nos poden explicar como eran as vilas de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía ou Camariñas hai oitenta anos? Quen nos achega mellor ao mundo da pesca, aos traballos agrícolas, ás festas e romarías, á vida social da Costa da Morte do século XX?
Desde o ano 1924, cando contaba tan só dezaseis anos, que tirou as súas primeiras fotografías, ata mediados do anos noventa, Caamaño non deixou de captar coa súa cámara imaxes deste Fisterra galego. Son moitos os milleiros de fotos que nos deixou, cada unha un documento, unha páxina da nosa historia. Aínda non percibimos suficientemente a importancia do legado que nos transmitiu.
En vida tivo certos recoñementos do seu traballo, pero merecía moitos máis. Unha proba de que a súa obra non foi o suficientemente valorada vímola o día do seu enterro, ao que non acudiu ningunha autoridade, non obstante penso que el se debeu sentir igualmente compracido porque foi despedido no lugar que el máis quería, no santuario da Barca, pola súa familia e os seus amigos










